⚫ SANTIAGO
⚫ SANTIAGO Centos de persoas. xunto con representantes da política, a cultura e a universidade, despiden no Museo do Pobo Galego a Xosé Manuel Beiras Toda a información, en G24.gal e G24play.gal O féretro de Xosé Manuel Beiras, ataviado coa bandeira de Galicia de Castelao e portado polos seus netos, os seus dous fillos, e os seus amigos e discípulos Antón Sánchez e Martiño Noriega abandonou pouco despois das cinco da tarde deste venres o Museo do Pobo Galego ao son unha gaita que entoaba a música do himno do Antigo Reino de Galicia e dos aplausos dunha multitude de cidadáns que acudiu a dar o seu último adeus ao político. E é que foron centenares as persoas anónimas que este venres formaron parte dunha multitudinaria comitiva, encabezada polos seus familiares e persoas máis próximas. Todas elas acompañaron a Beiras desde o Museo do Pobo Galego ata o coche fúnebre que esperaba os seus restos para conducilos ata o Cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela, onde descansa a súa compañeira Aurichu Pereira e algúns dos seus amigos, como Isaac Díaz Pardo. O sonoro aplauso de máis de 20 minutos que soou durante o percorrido da comitiva só se interrompeu cando moitos dos presentes entoaron o "Galiza ceibe, poder popular" e coreado consignas como "Viva Beiras", "Beiras, Amigo, Galicia está contigo".