🛳 GALICIA

🛳 GALICIA O Ministerio publica axudas por 4,1 millóns a máis de 2.000 buques galegos para compensar a subida do gasóleo Toda a información, en G24.gal e G24play.gal O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou este venres unha nova relación de potenciais beneficiarios das axudas destinadas a compensar o incremento dos custos do gasóleo pola crise en Oriente Próximo, de 9,9 millóns de euros e para case 4.500 armadores que son propietarios de máis de 4.800 buques de pesca. Galicia é a comunidade que recibe a maior parte destes fondos, con máis de 4,1 millóns de euros para 2.011 barcos. Esta compensación está destinada para o gasóleo consumido no período comprendido entre o 1 de maio e o 30 de xuño, o segundo tramo temporal desta liña de axudas, explica o Departamento liderado por Luis Planas. Aínda que o período elixible destas axudas chega ata o 31 de decembro, o Ministerio decidiu abonalas de forma parcial en períodos máis curtos co fin de "axilizar a súa concesión e permitir que os posibles beneficiarios continúen coa súa actividade", sinala nun comunicado. Os armadores dispoñen dun prazo de cinco días -entre o martes 13 e o luns 19 de outubro, inclusive- para comunicar erros, achegar as contas bancarias ou, no seu caso, renunciar ás axudas. A relación de potenciais beneficiarios está dispoñible na web do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Ademais, este informa de que prevé realizar nos próximos días un novo pago de axudas correspondentes ao primeiro período desta liña de apoio, comprendido entre o 22 de marzo e o 30 de abril, cuxo groso se abonou en agosto, por un importe de 3,2 millóns de euros.