💧 VIGO
Hai usuarios que levan meses con restricións e limitacións no consumo diario
Toda a información, en G24.gal e G24play.gal
A seca afoga, tamén, as traídas veciñais. Dende inicios do pasado verán, diferentes comunidades de usuarios tiveron que aplicar limitacións no consumo ou mesmo establecer cortes na subministración para non esgotar as reservas.
Segundo Coxapo, a Asociación Traídas de Auga Rural, só na provincia de Pontevedra hai a día de hoxe 6.675 persoas que sofren cortes de abastecemento. Son moitas máis as que teñen marcados límites para non consumir demasiado. É o caso da traída de Palmás-Costa de Domaio, en Moaña, onde agora o máximo está fixado en 500 litros ao día, menos da metade que ao principio do verán.
Antes foi peor: durante dous meses e medio esta comunidade, que fornece mil douscentos veciños, viuse obrigada a facer cortes de auga. As billas deixaban de botar polas tardes e de 23 h a 11 h polas noites.
"Foi unha volta ao pasado: a auga en caldeiros, aproveitar esas dúas horas nas que había auga para lavar a louza, para a cisterna e para a ducha", lembra Pablo Ríos, veciño dos Curros, na zona alta de Domaio.
O problema, como noutros lugares de Galicia, é que os mananciais están en mínimos.
En Domaio chegaron a ter reservas para só dous días. A solución alí foi buscar a auga baixo terra, pero cada vez máis abaixo. Tiveron que instalar novas bombas en dous pozos para poder sacar a auga a máis profundidade.
"Grazas a iso remontamos. Todos os días imos subindo un pouquiño o depósito e estamos aguantando. Agora mesmo temos o depósito pola metade cando hai quince días o tiñamos con corenta centímetros de auga", explica Juan Miranda, o actual presidente da traída de Palmás-Costa.
A seca tamén se está agravando nos grandes encoros. O de Eiras, que abastece a área de Vigo, vai chegar esta semana, previsiblemente o mércores, ao seu mínimo histórico, o 33 % da capacidade.
O alcalde Abel Caballero asegura que, nestas condicións, en Vigo só se pode garantir auga potable en plenas condicións de calidade durante 25 días. Logo a cidade aínda tería auga para dous meses máis pero xa sen os parámetros óptimos asegurados.