⚫ TOLEDO

⚫ TOLEDO Remata a retirada dos trens da vía e só quedan tres vítimas mortais por identificar Toda a información, en G24.gal e G24play.gal Os equipos de emerxencias despregados en Urda concluíron este luns a retirada dos vagóns que quedaban nas vías tras o accidente do pasado 28 de outubro. Os restos do sinistro serán trasladados este martes para continuar coas investigacións sobre o sucedido. Así o informou durante unha atención aos medios a voceira da Garda Civil. Teresa Albacete apuntou que os vagóns "quedarán á disposición da autoridade xudicial". Mentres, na zona do impacto volveranse realizar buscas de posibles restos biolóxicos. "Mañá pola mañá volverán os equipos do servizo cinolóxico para realizar probablemente a última batida xa na zona", sinalou Albacete. Os vagóns serán trasladados previsiblemente en medios de transporte especiais. Algúns deles terán que ser desmontados debido ao estado no que se atopan. A portavoz da Garda Civil apuntou que o traballo de retirada dos vagóns na zona cero "foi ininterrompido" durante a pasada noite. Deste xeito, na mañá deste luns xa foran retirados os vagóns do AVE, mentres que os catro vagóns do Iryo foron retirados ao longo da xornada. Os traballos de reparación da vía non comezarán ata que conclúan as últimas batidas de busca, que continuarán polo menos durante a xornada deste martes.