🔴 ORIENTE PRÓXIMO
O ministro de Asuntos Exteriores anuncia que a embaixada de España en Irán foi evacuada "con éxito"
Toda a información, en G24.gal e G24play.gal
A Embaixada de España en Irán foi evacuada "con éxito", segundo informou o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, quen sinalou que o Embaixador e o persoal esencial que seguían en Teherán acaban de cruzar a fronteira con Acerbaixán e atópanse a salvo.
"Acabamos de evacuar con éxito a Embaixada de España en Irán", sinala Albares nunha mensaxe na rede social X, onde asegura tamén que a seguridade dos cidadáns españois e do servizo exterior é a prioridade do Goberno español.
Do mesmo xeito, indica que o resto de embaixadas españolas na rexión e a sala de crise do ministerio pola guerra en Irán "seguen plenamente operativas 24 horas a través dos teléfonos de emerxencias".
"Continuamos traballando pola protección dos españois", conclúe o ministro.
O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, informou este sábado de que xa "saen cara a España os primeiros voos comerciais desde Qatar desde o inicio da guerra en Oriente Medio".
Nunha mensaxe publicada na súa conta oficial en X, Albares lembrou que máis de 4.000 españois foron xa repatriados e insistiu en que o Ministerio de Exteriores "non deixará atrás a ningún español que queira ser evacuado".
Precisamente, onte Exteriores informou de que 658 cidadáns españois chegarán nas próximas horas desde Emiratos Árabes Unidos en tres voos comerciais a Madrid e Barcelona.