🔴 LUGO
Varios tremores, o máis forte de 3,9 graos, sacudiron Triacastela e Becerreá
Toda a información, en G24.gal e G24play.gal
A terra tremeu esta madrugada na montaña de Lugo. Triacastela e Becerreá foron epicentro de ata once movementos telúricos, que causaron alarma entre os veciños.
O primeiro terremoto -de 3,4 graos na escala de Richter- rexistrouse ás 3:02 minutos e, a partir dese momento, sucedéronse o resto dos tremores, ata trece no lapso dunha hora. O máis forte, de magnitude 3,9, tivo epicentro en Triacastela, a tres quilómetros de profundidade. Tamén Becerreá foi epicentro de varios movementos, pero moito máis suaves, segundo a información do Instituto Xeográfico Nacional.
Os terremotos sentíronse en toda a redonda, como contaban os oíntes do programa "A Boas Horas" da Radio Galega. Chamaron dende Sarria, Samos, O Saviñao, Chantada, Monforte ou Lalín para contar como se moveu todo.
O triángulo Sarria-Becerreá-Triacastela é unha zona de frecuente actividade sísmica na que se rexistran máis da metade dos tremores detectados en Galicia cada ano. En Triacastela, rexistrouse en 1997 o maior tremor da historia de Galicia: 5,1 graos na escala de Richter, que se sentiu en toda Galicia e en parte de Castela e León.