🔴 ORIENTE PRÓXIMO
Irán nega a versión de Trump e di que frustrou o rescate do piloto americano
Toda a información, en G24.gal e G24play.gal
Medra a tensión en Oriente Próximo onde o final da guerra semella cada vez máis lonxe. As negociacións para alcanzar un alto ao fogo están paradas mentres recrúan os enfrontamentos verbais e no campo de batalla.
Irán anunciou ataques "devastadores" contra os Estados Unidos e Israel se Trump fai efectivo o seu ultimato. O mandatario republicano ameazou con desatar "un inferno" sobre eles no caso de non chegar a un acordo antes de que remate o luns.
Tras advertirlle a Teherán que quedan poucas horas para que venza o prazo, o dirixentes de Washington confirmou o rescate con vida do piloto estadounidense que permanecía desaparecido tras a derriba en Irán do caza no que viaxaba.
A Garda revolucionaria non tardou en desmentir a versión do presidente dos EUA e, segundo a axencia de noticias Tasnim, frustrou a operación ao abater catro avións que participaban na misión.
Mentres, Tel Aviv continúa cos seus ataques contra a nación persa e o Líbano, onde anunciou bombardeos no posto fronteirizo de Masnaa, lindeiro con Siria.
Rescate do piloto estadounidense
Trump volveu usar a súa rede Truth Social para informar do rescate con vida do piloto estadounidense que permanecía desaparecido en Irán tras a derriba o pasado venres dun caza F15 no país persa, do que xa fora rescatado outro tripulante.
"LOGRÁMOLO! Compatriotas, nas últimas horas, as Forzas Armadas dos Estados Unidos levaron a cabo unha das operacións de procura e rescate máis audaces da historia do país, para rescatar un dos nosos incribles oficiais de tripulación", indicou na súa publicación.
O presidente precisou que o rescatado se atopa "san e salvo" malia estar ferido, sen revelar a gravidade nin os detalles da misión.
Horas despois, a Garda Revolucionaria iraniana negaba a súa versión e falaba dunha "nova derrota humillante" para os EUA.
Segundo a axencia de novas Tasnim, as forzas persas frustraron a operación ao destruír catro aeronaves americanas que participaban na misión.