⚫ TOLEDO
⚫ TOLEDO Continúa a busca de restos biolóxicos en Urda Toda a información, en G24.gal e G24play.gal O Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Toledo e Cidade Real identificou 56 das 69 persoas falecidas no accidente ferroviario ocorrido este mércores en Urda. Segundo os últimos datos facilitados a última hora do sábado polo Centro Integrado de Datos (CID), o cómputo provisional de vítimas mortais mantense en 69. Entre os finados xa identificados, 54 teñen nacionalidade española, un tena francesa e outro portuguesa. As autoridades agardan que o resto de vítimas poidan ser identificadas nas vindeiras horas. Ao tratárense presumiblemente de cidadáns estranxeiros, estes labores dependen nestes momentos de diversas actuacións no ámbito da cooperación internacional. Ata o de agora, a gran maioría das identificacións —52 das 56 logradas— realizáronse mediante o cotexo de impresións dixitais, mentres que as catro restantes conseguíronse a través de probas de ADN. O CID explicou que xa se lles notificou a identificación ás familias de 51 das vítimas (33 homes e 18 mulleres) e 36 delas xa se puxeron á disposición dos seus achegados. As cinco notificacións restantes que faltan deste grupo comunicaranse coa maior celeridade posible. A xestión da catástrofe mantén activas trece denuncias por desaparición, todas elas correspondentes a cidadáns estranxeiros. As nacionalidades das persoas que seguen a ser buscadas son: catro dos Estados Unidos, dúas de Australia, dúas do Xapón, e unha da Arxentina, o Canadá, México, a República Checa e Tunisia.